
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a alcaldesa de Salceda de Caselas, María Dolores Castiñeira, rubricaron hoxe o convenio de colaboración que posibilitará actuacións de mellora do saneamento deste municipio pontevedrés.
O presente convenio ten por obxecto determinar as condicións para a colaboración entre as partes outorgantes para o financiamento e execución das actuacións, establecendo o réxime da posterior entrega das obras executadas para o seu mantemento e conservación.
Antecedentes
Que a parroquia de Soutelo, no extremo sur do municipio de Salceda de Caselas, Pontevedra, ten unha poboación estimada de 450 habitantes.Esta parroquia carece dunha rede de saneamento funcional, existindo varias pequenas instalacións, domésticas na súa maioría, que xeran verteduras incontroladas de augas residuais e contaminación difusa do medio.
O proxecto
Para solucionar a problemática existente, é necesario analizar as alternativas de xerar unha ou varias redes de saneamento e depuración que dean servizo a esta poboación, e tambien estudar a posibilidade de conectala coa rede de saneamento do Louro, que discorre polo bordo sueste da parroquia, xustamente na súa divisoria co municipio de Tui.
O Concello de Salceda de Caselas poñerá ao dispor os terreos e as infraestruturas necesarias para a execución das obras.
O investimento total necesario para a actuación estimouse en 685.000€, que será sufragada nun 90% pola CHMS e 10% restante polo Concello.
"As actuacións consistirán na mellora das redes da parroquia de Soutelo, para a súa conexión ao sistema de saneamento do Louro ou a pequenas estacións de depuración que xurdan do Estudo que se redactará antes do proxecto de obras definitivo", explicou o presidente
"Desde a CHMS queremos destacar o noso firme compromiso de colaboración para executar proxectos importantes que redunden na mellora do medio ambiente e que axuden a conservar e valorizar a riqueza hidráulica coa que conta esta demarcación" engadiu Quiroga.