
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, iniciará o vindeiro martes a segunda fase das obras de acondicionamento do roteiro fluvial dos muíños do río Formigueiro no T.M. de Amoeiro (Ourense).
“O obxectivo é a conservación e mellora dunha contorna fluvial cun marcado valor ecolóxico e unha forte identidade paisaxística que, en xeral, está pouco alterada polo home” explicou o presidente da CHMS.
Proxecto
As obras consisten na restauración e mellora de dous muíños e dun poldrado, así como da limpeza e conservación do leito e marxes no río Formigueiro.
A restauración dos muíños consiste no descombro, limpeza de paramentos e demais estruturas aproveitables; rexuntado e retacado, desmonte de estruturas non aproveitables; e construción de novas estruturas de cargadeiros e cubertas de tella. No interior dos edificios realizaranse obras de novos forxados e pavimentos, e da restauración dos distintos elementos da maquinaria de moenda.
Por outra banda, o proxecto contempla a mellora da capacidade hidráulica dunha pontella ou poldrado á que se dotará de elementos que melloren a súa estabilidade ante futuras crecidas do río.
Por último, as actuacións descritas completaranse coa restauración ambiental e mellora do leito e de eliminación de barreiras no tramo de actuación, para iso realizarase entresaca e rozas selectivas, así como, partido e retirada das árbores caídas ou daqueles que estean en malas condicións fitosanitarias
Estes traballos supoñen un investimento de 185.00 euros e o prazo máximo de execución estímase en 5 meses.
Este proxecto completa ao executado nunha primeira fase, cuxa investimento superou os 200.000 euros, e que consistiu na construción dunha senda fluvial de 655 metros lineais, con tramos de pasarela, escaleiras e 2 miradoiros de madeira duns 20 m2, e que finalizou en febreiro de 2022.