
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, empeza a limpeza do leito e marxes do río Asma ao seu paso polo municipio lucense de Chantada. Acondicionaranse 1,3 km de leito urbano para evitar inundacións e enchentes.
Na inspección previa observouse a necesidade de mellorar a capacidade hidráulica do leito e a composición da vexetación de ribeira, ademais, de presenza abundante de madeira e tapóns illados ao longo de todo o tramo urbano, desde a ponte da antiga N-540 ata a zona de localización da EDAR de Chantada
Problemática e actuacións
É importante destacar que a obturación do río Asma é un fenómeno que se repetiu ao longo dos anos desde que levou a cabo a canalización do mesmo ao seu paso pola localidade de Chantada; isto provoca obturación debido á proliferación excesiva de vexetal ripario e especies potenciadoras da sedimentación, que forman densas redes coa consecuente redución do fluxo de auga circulante.
Para naturalizar o leito e conseguir unha situación de acondicionamento duradeiro, reducirase a anchura actual do río de augas baixas, o que permitirá recuperar unha velocidade maior, eliminando as zonas artificiais de sedimentación para convertelas en zonas de transporte, e en consecuencia, evitar o acúmulo de sedimentos e a consecuente proliferación de especies "heliófilas" no centro do leito.
Por outra banda, procederase á eliminación de tapóns e restos de madeira presentes ao longo de todo o tramo de actuación, realizaranse rozas e resalveos selectivos en dominio público hidráulico e zona de servidume nos puntos nos que a vexetación invada o leito.
Os traballos comezaron hoxe coa retirada de residuos sólidos urbanos, como paso previo á execución dos traballos descritos.
“Desde a CHMS traballamos no río Asma co obxectivo de recuperar os procesos naturais do leito, de mellorar a continuidade lonxitudinal dun bosque en galería que impedirá a proliferación de especies herbáceas e arbustivas "heliófilas" non desexadas no centro do leito, ademais de incrementar o valor paisaxístico dunha zona urbana con moito tránsito”, explicou o presidente da CHMS.
“É necesario lembrar que a CHMS colabora cos Concellos que solicitan e demostran a necesidade e a falta de medios, aínda que, a limpeza de tramos urbanos é unha responsabilidade da Administración competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo, é dicir, competencia municipal” concluíu Quiroga.