
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e a alcaldesa de Petín, Raquel Bautista, rubricaron esta mañá o Convenio de colaboración que determina as condicións para o financiamento, execución, mantemento, conservación e posterior entrega das obras contempladas no Proxecto construción dunha nova depuradora para o núcleo de Portomourisco, T.M. de Petín (Ourense).
Antecedentes
O núcleo rural de Portomourisco dispoñía dun sistema intensivo para a depuración das súas augas residuais situado na marxe dereita do río Xares, augas abaixo da presa de San Fiz; como consecuencia das fortes precipitacións dos meses de novembro e decembro do 2019 produciuse un importante aumento do caudal do río, que debido ás características do sistema de depuración baseado en plantas macrofitas, afectou gravemente as instalacións existentes deixándoas totalmente inservibles.
Para reparar os danos causados e buscar unha solución á problemática xerada, o concello de Petín solicitou a colaboración deste Organismo de conca.
Novo proxecto
As obras consistirán, por unha banda, na demolición dos elementos de depuración existentes deteriorados pola crecida do río e construirase un novo sistema de depuración para 50 habitantes equivalentes -poboación estacional máxima esperada no verán-.
As novas instalacións contarán cunha arqueta de desbaste de groso e unha fosa-filtro compacta en poliéster reforzado con fibra de vidro, a vertedura da depuradora realizarase a través de gabia filtrante e situaranse na mesma parcela que ocupa a EDAR existente, pero totalmente enterradas para que non se vexan afectadas por futuras enchentes do río Xares.
O investimento estimado supera os 50.000 € que serán sufragados na súa totalidade pola CHMS.