
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, finalizou os traballos de conservación de leitos programados para o río Recesende ao seu paso polo municipio lucense de Castroverde, nas que o Organismo investiu máis de 50.000 euros.
Da inspección previa á zona de actuación observouse a presenza de múltiples tapóns e diferentes obstáculos que afectan o transcorrer natural das augas, ademais de abundante vexetación en ambas as marxes que, nalgúns casos, chega a invadir o propio leito.
Os traballos realizados consistiron na retirada de árbores caídas ou con perigo de caída ao leito, que provocaban acumulación de restos arbóreos e tapóns e que afectaban ao discorrer do paso das augas.
Ademais realizáronse podas sanitarias, resalveos para mellorar a estabilidade da vexetación e para facilitar o fluxo en casos de avenida, diminuíndo así o risco de inundación. As árbores secas e troncos presentes no leito retiráronse con cabrestante desde un punto fixo situado na beira ou marxe do leito.
No caso de curtas de amieiros, aplicáronse as medidas e recomendacións profilácticas co obxecto de evitar a propagación de Phytophthora alni.
Unha brigada composta por 5 operarios traballaron de forma manual en máis de 4 quilómetros de leito, apoiados, de forma puntual, por tractor con cabrestante, pluma e remolque.
Estas actuacións están incluídas no Encargo á empresa Tragsa para o Servizo de Conservación e Restauración de leitos da Demarcación Miño-Sil na provincia de Lugo e que, neste momento, continúan noutros concellos da provincia: Castro de Rei, Cospeito, Láncara, Sarria, Outeiro de Rei, Rábade e Begonte.