
O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO) aprobou o proceso de mellora do diagnóstico do estado das masas de auga para o terceiro ciclo da planificación hidrolóxica e publicou dous guías técnicas que permiten o adecuado diagnóstico de todo o proceso: unha para a avaliación do estado das augas superficiais e subterráneas e outra para a identificación e designación das masas de auga moi modificadas e artificiais de categoría río.
A primeira delas establece a folla de roteiro para o diagnóstico das masas de auga consideradas naturais nos plans hidrolóxicos de conca, tanto superficiais como subterráneas, que teñen o obxectivo de alcanzar un bo estado. A segunda, a guía do proceso de identificación e designación das masas de auga moi modificadas e artificiais categoría río, establece o marco de xestión das masas de auga máis alteradas por presións humanas que teñen o obxectivo de alcanzar o bo potencial.
Estas guías, elaboradas en base ás recomendacións da Comisión Europea, son fundamentais para garantir a correcta xestión e planificación das augas xa que axudarán a determinar as medidas que deben executarse durante un ciclo de planificación e permitirán fixar as condicións para o uso da auga, os límites das autorizacións de vertedura, as sancións por accións causantes de deterioración, as actuacións de recuperación, etc.
Ambos os manuais foron redactados conforme a longa experiencia dos organismos de conca no coñecemento do estado das augas superficiais e subterráneas e son un paso esencial para actualizar os plans hidrolóxicos de conca.
A planificación hidrolóxica ten como obxectivo conseguir o bo estado e a adecuada protección do dominio público hidráulico e das augas. Para iso, é esencial contar cuns procedementos de seguimento e de avaliación do estado das masas de auga que verifiquen o grao de cumprimento destes obxectivos.
XORNADAS DE PARTICIPACIÓN E CONSULTA PÚBLICA
Ademais da publicación e posta en marcha destas guías, os organismos de conta están a levar a cabo xornadas de participación e consulta pública do Esquema de Temas Importantes (ETI) do terceiro ciclo de Planificación Hidrolóxica 2021-2027 para lograr un documento o máis completo e consensuado posible.
Por iso, máis aló dos aspectos técnicos, están a considerarse as inquietudes e opinións dos cidadáns dos diferentes territorios fluviais das distintas demarcacións e dos usuarios da auga, así como dos colectivos e organizacións interesados. Este proceso de consulta pública finalizará o próximo 30 de outubro.