
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu unha solicitude da Federación de AAVV de Lugo para actuar no río Rato.
Desde este Organismo de conca valoramos moi positivamente o interese dos veciños polo medio ambiente e polos leitos fluviais, aínda que, atendendo ao artigo 28.4 da Lei 10/2001, do 5 de xullo, que aproba o Plan Hidrolóxico Nacional e á súa interpretación polo Tribunal Supremo en varias sentenzas, “os concellos son as administracións competentes para levar a cabo o mantemento e conservación dos leitos públicos nos tramos que discorren polas zonas urbanas, como administracións competentes en materia de ordenación do territorio e urbanismo pois así resulta dos principios que informan o réxime local tal como indicou o Tribunal Constitucional ( STC 37/2014, 121/2012 e 240/2006).”
Pola nosa banda, como Organismo de conca correspóndenos mellorar a continuidade fluvial, a estrutura do trazado dos leitos e recuperar antigos meandros, a mellora do leito do río, podas e rozas na vexetación de ribeira en zona non urbana, retirada de elementos obstructivos, estabilización de marxes en zonas con risco, loita contra especies invasoras que poidan afectar o estado das masas de auga, a eliminación de infraestruturas obsoletas e a recuperación de cuberta vexetal en marxes e ribeiras.
RIO RATO
En canto á necesidade de melloras no río Rato, neste momento a CHMS está a redactar un proxecto de mellora da capacidade de desaugadoiro do tramo canalizado do río Rato na contorna da glorieta da rúa Serra de Meira, no que se actuará sobre o tramo situado augas arriba do caixón de formigón que discorre baixo a calzada, para aumentar a súa capacidade modificando a xeometría actualmente existente. No mesmo proxecto estudarase a procedencia de actuar no tramo de río canalizado augas abaixo e auga arriba da glorieta.
Con estas actuacións darase solución aos problemas da rotonda que une Serra de Meira coa ponte de Paradai, obra que foi executada pola Xunta de Galicia, sen a preceptiva autorización, e que este Organismo de conca sancionou, ao non ser legalizable.
O investimento estimado, segundo protocolo, superará os 650.000 euros, que será sufragada nun 75% pola CHMS e o 25% restante polo Concello de Lugo.