
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, continúa os traballos de limpeza de ríos na provincia de Ourense. A actuación máis importante desta semana realízase na marxe dereita do Miño na cidade de As Burgas.
Problemática actual
Da inspección previa realizada observouse importante presenza de rodales de tres especies exóticas invasoras acacia, ailanto e cana, Arundo donax, Acacia dealbata e Ailanthis altissima, respectivamente. Ademais, detectouse un gran número de árbores secas en pé con risco de caída ó leito ou zonas de paseo e outros caídos en dominio público hidráulico e zona de servidume.
Actuacións programadas
Os traballos consisten na tala, amontoado e retirada dos pés de acacia e ailanto; no caso de exemplares de ailanto de pequeno tamaño levará a cabo arrinque manual con raíz.
Tras a curta aplicarase herbicida con pincel sobre os tocos para o control do rebrote. Naqueles casos en que o diámetro dos tocos non permita a aplicación de biocida con pincel, por ser moi pequenos e numerosos, realizarase unha aplicación localizada con pulverizador de mochila.
Tamén se procederá á curta, amontoado e retirada das canas presentes no tramo e inmediatamente despois da execución se pulverizará a zona con biocida; así mesmo en zonas sen risco de erosión -con baixa pendente e afastadas do alcance de augas medias- procederase á extracción de raíces mediante decapado mecánico localizado.
Por outra banda, realizarase a tala, partido, amontoado e retirada das árbores secas en pé e das árbores caídas presentes no tramo.
Todo o material vexetal resultante cargarase e xestionarase a través de xestor autorizado.
Finalmente contémplase a posibilidade de culminar a actuación no outono con estaquillado ou plantación de especies de matogueira ou arbóreas propias de ribeira ou que poida certificarse a súa compatibilidade.
Estes traballos, que están a ser executados por unha brigada composta por 4 operarios especializados apoiados por maquinaria na retirada dos exemplares máis consolidados, prolongaranse ata o mes de agosto e supoñen un investimento próximo aos 50.000 euros.