O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (MAPAMA) investirá máis de 470.232 euros en actuacións de restauración hidrolóxico-forestal e mellora da conectividade en canles da conca Miño-Sil, situados en zonas ARPSI (áreas de risco potencial significativo de inundación), na provincia de Pontevedra.
Así o anunciou esta mañá o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, durante o acto de presentación das actuacións para acometer, no que estivo acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Ana María Ortiz.
O proxecto
O obxectivo do proxecto que executará o Ministerio, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), mellorará o réxime fluvial natural e a contorna dos ríos Tamuxe e o seu afluente, río Soberbia, (O Rosal), Pego (Tomiño), Louro e varios afluentes (Tui, Porriño e Mos), Caselas (Salceda e Salvaterra), e Tea e varios afluentes (Ponteareas, Mondariz e Mondariz Balneario), nos tramos que presentan acumulación de árbores caídas, ramas baixas e exceso de maleza que dificulta a circulación das augas e provoca arrastres de orixe vexetal e antrópico.
A programación dos traballos realizouse atendendo á problemática concreta da zona e para iso realizaranse tratamentos silvícolas, mediante rozas puntuais da vexetación existente eliminando o exceso de matogueira e a maleza acumulada, co ánimo de mellorar a capacidade de desaugadoiro e a banda de vexetación, tanto en densidade como en estrutura.
Tamén se realizarán podas selectivas sobre o estrato arbóreo, apeando os pés claramente dominados ou decrépitos, respectando en todo momento as especies arbustivas autóctonas e procederase á retirada manual ou mecanizada de árbores caídas e susceptibles de caer ao leito do río, que puidesen obstruir a canle e provocar desbordamentos ou erosión dos noiros.
Os restos de vexetación retirados serán triturados "in situ", salvo os máis grosos que se ofrecerán aos veciños para uso doméstico ou, no seu caso, serán transportados a un vertedoiro autorizado. Por outra banda, a retirada dos residuos que poidan estar acumulados en ambas as marxes, cascallos e residuos sólidos urbanos, serán separados pola súa natureza e transportaranse a xestor autorizado.
Estes traballos desenvolveranse en máis de 108.000 m2 de canle e marxes e o prazo de execución estímase en 12 meses.