
O presidente da CHMS e a alcaldesa de Vilalba visitan as obras de saneamento e depuración que o organismo de conca está a executar no municipio
- Detalles
- Xoves, 18 Agosto 2022

- O investimento estimado superará 1.5 mill/€, financiados en porcentaxe 80% e 20% pola CHMS e polo Concello, respectivamente
- “Estas actuacións supoñen un esforzo económico importante por parte das dúas administracións pero, ante un problema herdado de verteduras recorrentes ao río Magdalena e en aras da colaboración institucional, había que actuar e niso estamos” explicou Quiroga
O pasado 30 de xullo deron comezo os traballos de “Mellora do Saneamento e EDAR de Vilalba (Lugo)”, adxudicados pola CHMS, organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, á empresa ESPIÑA E DELFIN S.L. por importe de 1.471.934 €.
Esta mañá o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, e a alcaldesa da localidade, Elba Veleiro, acudiron á zona para supervisar a boa marcha dos traballos cuxa finalización está prevista para finais do mes de xullo do próximo ano.
O proxecto
O obxectivo das obras é limitar tanto o número como o volume de verteduras sen tratamento adecuado ao rio Madalena, para a consecución deste obxectivo proxectáronse basicamente dúas actuacións:
• A ampliación do pretratamento da EDAR mediante a instalación de dúas novas unidades de pretratamento compactas con funcións de desbaste, desarenado e desengraxado que case duplican a capacidade actualmente existente e permiten o cumprimento do disposto a este respecto no Plan Hidrolóxico Miño-Sil.
• A construción dun tanque de tormentas para a laminación e regulación de caudais en tempo de choiva, antes da súa entrada na depuradora. O novo tanque dispoñerá dunha capacidade de 1000 m3 para reter as primeiras augas de choiva, máis contaminadas, e envialas posteriormente á EDAR para o seu tratamento; evitando as verteduras que se producen a día de hoxe.
Neste momento están a executarse os traballos de escavación do tanque de tormentas que se prolongarán durante todo o mes de agosto para, a continuación, iniciar a execución das diferentes partes que conformarán a súa estrutura.
“Estas actuacións supoñen un esforzo económico importante por parte das dúas administracións pero, ante un problema herdado de verteduras recorrentes ao río Magdalena e en aras da colaboración institucional, había que actuar e niso estamos” explicou Quiroga.