
A Confederación Miño-Sil investirá 117.000 euros en mellorar a capacidade hidráulica do regato Cotarel ao seu paso por Monte Aloia (Tui- Pontevedra)
- Detalles
- Martes, 29 Xuño 2021

- Actuarase nun tramo con gran densidade de especies exóticas invasoras: bambú negro, canas e acacias
- A zona de traballo atópase dentro do espazo protexido pola Rede Natura 2000, ZEPVN/ ZEC Monte Aloia
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, iniciou os traballos de mellora a capacidade hidráulica do regato Cotarel ou Do Seixal en Monte Aloia, municipio pontevedrés de Tui.
As actuacións en execución axudarán a recuperar o funcionamento natural do río, amortecendo o efecto dos procesos hidrolóxicos, aumentando a súa heteroxeneidade e grao de naturalidade.
O tramo de actuación presenta gran densidade de bambú negro e, en menor medida, canas e acacia, que diminúen a capacidade de desaugadoiro do leito. Ademais, na zona entre Frinxo e Circos hai árbores caídas e secas sobre dominio público hidráulico e zona de servidume, algúns dos cales xa están a formar taponamentos.
ACTUACIÓNS PREVISTAS
Os traballos previstos consisten na retirada das árbores tombadas e atravesadas sobre o leito, talla, amontoado e retirada dos pés de acacia (Acacia melanoxylon), das canas (Arundo donax) e de Phyllostachys nigra (bambú negro) presentes en dominio público hidráulico e zona de servidume.
Tras a curta de acacia aplicarase herbicida con pincel sobre os tocos para o control de rebrote e no caso de que o diámetro dos tocos non permita a aplicación de biocida con pincel, realizarase unha aplicación localizada con pulverizador de mochila.
Contémplase a posibilidade de culminar a actuación con plantación de especies arbóreas propias da zona de ribeira ou con certificado de procedencia compatible, que se realizaría no outono.
Estas actuacións están a ser executadas por unha brigada forestal, composta por 4 operarios especializados e un capataz, que traballarán durante 4 meses neste espazo protexido pola Rede Natura 2000, ZEPVN/ ZEC Monte Aloia.
O investimento previsto supera os 117.000 euros.