
A CHMS estudará a problemática e as posibles solucións ás verteduras incontroladas procedentes do sistema de saneamento do Bierzo Baixo
- Detalles
- Venres, 05 Febreiro 2021

- Hoxe foi rubricado o Protocolo de compromiso coa Mancomunidade Municipal para o Tratamento das Augas Residuais do Baixo Bierzo que posibilitará estes traballos, nos que o Goberno de España investirá máis de 350.000 euros
- Farase un recoñecemento exhaustivo das redes, incluíndo os colectores xerais explotados pola Mancomunidade, e tamén as redes secundarias
- Calcúlase que entre o 30 e o 40% de caudal que entra na EDAR son augas limpas
- Ademais, avaliarase o estado e a posibilidade de mellora de equipos e dotacións nalgunhas infraestruturas da rede de saneamento, como aliviadoiros e tanques de tormentas, bombeos e na propia estación depuradora
José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), Organismo autónomo dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, e Iván Castrillo, presidente da Mancomunidade Municipal para o Tratamento das Augas Residuais do Baixo Bierzo, mantiveron hoxe un encontro virtual no que aproveitaron para rubricar o Protocolo que posibilita a redacción dun estudo da análise funcional e proposta de actuacións tendentes a solucionar a problemática de saneamento do Bierzo Baixo.
Antecedentes
O saneamento do Bierzo Baixo dá servizo a unha poboación conectada de 100.000 habitantes equivalentes, a través dunha rede de colectores xerais que recollen as augas procedentes das redes secundarias de cada unha das principais localidades dos municipios mancomunados, que conducen todo o caudal á Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) de Villadepalos.
Estas infraestruturas de saneamento foron obxecto de encomenda de xestión para a súa explotación, mantemento e conservación, a favor da Mancomunidade de Municipios para o tratamento das augas residuais do Baixo Bierzo.
Nos máis de doce anos de funcionamento desta infraestrutura detectáronse importantes problemas que se traducen nun funcionamento inadecuado e unha serie de graves afeccións ambientais en forma de verteduras incontroladas, cuxas principais causas pódense resumir nas seguintes:
• Incorporacións de augas freáticas ás redes secundarias municipais. (Calcúlase que entre o 30 e o 40% de caudal que entra na EDAR son augas limpas)
• Verteduras frecuentes polas infraestruturas de alivio.
• Exceso de caudal afluente á EDAR de Villadepalos, que se traduce nun funcionamento inadecuado.
• Incorporación en puntos concretos da rede de verteduras procedentes de diversas industrias agroalimentarias existentes na zona, non asimilables a augas residuais domésticas.
• Carencias na explotación da EDAR e da rede principal de saneamento.
Estudo
O estudo analizará o estado actual das redes de saneamento existentes no ámbito do Bierzo Baixo incluíndo, non só os colectores xerais explotados pola Mancomunidade, senón tamén as redes secundarias, ao ser éstas onde parece que se producen as maiores entradas de augas limpas; é dicir, información detallada do trazado da rede, do seu estado, e dos caudais circulantes por cada tramo, a fin de identificar as zonas máis afectadas polas infiltracións.
Todo isto quedará recollido nunha ferramenta cartográfica que sirva de base para modelizar o funcionamento hidráulico da infraestrutura, identificando deste xeito onde se atopan os problemas, expondo solucións e verificando no modelo a eficacia das mesmas.
Ademais, avaliarase o estado e posibilidade de mellora de equipos e dotacións nalgunhas infraestruturas concretas que forman parte da rede de saneamento, como aliviadoiros e tanques de tormentas, bombeos e a estación depuradora, en última instancia.
O estudo incluirá unha auditoría dos procedementos de explotación, a fin de identificar posibles deficiencias na xestión e posibilidades de mellora. Así mesmo, elaborarase un plan das actuacións necesarias para solucionar os problemas detectados, establecendo unha orde de prioridade entre elas.
O investimento estimado supera os 350.000 euros, asumidos na súa totalidade pola CHMS.