A CHMS asina un Convenio coa Fundación Aquae Querquennae para colaborar nas escavacións do complexo arqueolóxico de As Conchas
- Detalles
- Venres, 08 Setembro 2017
- Este documento instrumenta a entrega dunha subvención nominativa de 20.000 euros para este ano 2017
- A Fundación comprométese a xustificar ante a CHMS o cumprimento das condicións de execución así como a consecución dos obxectivos previstos
O Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), asina un Convenio de Colaboración con Aquae Querquennae Via Nova, Fundación que xestiona o complexo arqueolóxico situado no encoro de As Conchas en Portoquintela (Bande- Ourense).
Este Convenio que foi rubricado esta mañá na sede da CHMS, por Francisco Marín Muñoz, presidente do Organismo de conca; e por Luís Fernando Quiroga Piñeyro, presidente do Padroado da Fundación; regula unha subvención nominativa de 20.000 euros a favor da Fundación para contribuír á campaña de escavación no complexo arqueolóxico Aquis Querquennis para o exercicio 2017. No acto de firma estiveron acompañados polo vicepresidente da Fundación, Antonio Rodríguez Colmenero.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil colabora nesta campaña tendo en conta o interese do Organismo de conca na conservación do bo estado das augas do encoro de As Conchas e da contorna no que se enmarcan, por situarse o complexo en zona de dominio público hidráulico e por ser esta a única entidade que xestiona o citado xacemento.
Pola súa banda, a Fundación comprométese a xustificar ante a CHMS o cumprimento das condicións de execución así como a consecución dos obxectivos previstos. A tales efectos, e en todo caso antes do 1 de decembro, achegaranse as correspondentes facturas, nas que se farán constar os gastos ocasionados e os distintos conceptos, acompañadas dos oportunos xustificantes das actuacións realizadas.